XARDÍN BOTÁNICO

Na actualidade, rebasado claramente o século da súa creación, con mínima documentación dispoñible para poder certificar a autoría do proxecto xardinístico (presumiblemente foi obra do arquitecto José María Aguilar, o mesmo arquitecto encargado dos dous edificios da Fundación), é de supoñer, como punto de partida, que o xardín se construíse ao finalizar a edificación do Colexio (1886), e que, polo tanto, este sexa o momento da incorporación do catálogo florístico compoñente da plantación orixinal, do que perviven algúns exemplares.
O certo é que estamos perante un espazo de pequenas dimensións e sinxela traza, de estilo ecléctico, que combina, nos seus diferentes compartimentos, a xeometría co paisaxismo, tendo a súa faceta máis reseñable na flora que alberga, caracterizada pola súa diversidade e monumentalidade.
Con fins descritivos, o xardín pode ser estructurado en dous compartimentos: xardín antigo e pradeira arborada.
O xardín antigo desenvólvese en torno ao edificio escolar, constando de partes diferentes: unha xeométrica, encaixada entre a fachada principal e a reixa de pechamento, composta de dúas metades de igual deseño e disposición simétrica, ao longo da avenida de entrada; e outra paisaxista, constituída por unha terraza e un talude, con cuberta de pradeira.
A pradeira arborada, de mais recente creación, consta de dúas zonas, separadas por un carreiro de paso: a superior, de menor dimensionalidade territorial e importancia florística; e a inferior, máis grande, cunha plantación vexetal multiespecífica en disposición reticulada.
Como remate, ademáis da personalidade que emana do inventario florístico, convén ter presentes os atributos que aporta o mundo da pedra, que contribúen á valoración da entidade do xardín: un edificio palaciano, construcción que actúa coma elemento ordenador; a reixa e a muralla, estructuras delimitantes; a casa do bedel, destinada ao personal de servizo e vixiancia; e as novas instalacións educativas, o caseto da caldeira da calefacción, o queimadeiro, a pérgoa-alpendre e a fonte-bebedoiro, pezas de menor dignidade fabricacional, non pertencentes ao proxecto inicial, a posterior incorporación das cales, para satisfacción de novas necesidades, produciu as conseguintes modificacións, pero que a fin de contas, forman parte do xardín actual.