COLECCIÓN ARTÍSTICA

O ideal da Fundación non se limitaba ó tradicional labor educativo. Buscaba non só formar ó alumno con asignaturas, coñecementos, datos técnicos, humanísticos ou científicos, senón que tiña a alentadora determinación de fomentar un desenvolvemento integral do ser humano, e para iso consideraba imprescindible o cultivo dun certo gusto estético. O propio edificio que albergaba o Colexio constituía na súa sobria dignidade, un exemplo dos ideais artísticos que a Fundación pretendeu espallar dende o seu nacemento.
Tódalas adquisicións de obras de arte e elementos decorativos, tódolos motivos ornamentais, dende as pinturas ou gravados ós quinqués ou ós interruptores eléctricos de porcelana, tiveron coma última finalidade a propia instrucción do alumno, a educación do seu bo gusto. Froito desta filosofía idealista, a Fundación foise facendo cunha máis ca meritoria colección artística que se iniciara anos antes da propia construcción do Colexio.

Evidentemente, as pezas máis sobresaíntes desta colección artística da Fundación son os 17 cadros de distintos pintores (8 de Federico de Madrazo) e a propia Capela do Colexio, onde repousan, en sepulcro de mármore branco, os restos do filántropo ceense.
Pero ademáis, os patróns da Fundación acadaron do Ministerio de Instrucción Pública a doazón de 36 gravados, colección que recopilaba obras dalgúns dos mellores gravadores contemporáneos, coma Bartolomé Maura, Fernando Selma, Eugenio Lemus ou Joaquín Ballester, e da que só se conservan 11 pezas das 36 orixinais.
A Fundación conserva tres placas de bronce, gravadas a man, obras, todas elas, do gravador e acibecheiro Enrique Mayer Castro, así coma unha completa colección de ourivería relixiosa procedente da madrileña fábrica de Meneses.
Esta preocupación pola arte trasladouse ó ambito educativo. As coleccións de xesos e láminas empregábanse nas clases de debuxo coma modelos. No 1903, adquiríronse dúas interesantes figuras de xeso para embelecer a escaleira principal do Colexio-Instituto da Fundación. Unha era unha copia do Sátiro en Repouso de Praxiteles, pero a outra, era unha obra de maior calidade, unha representación de Ganímedes, modelada por Álvarez. Este artista recibira de Napoleón, no ano 1804, unha medalla de ouro por esta mesma escultura.

A xuízo dos responsables da Fundación, o embelecemento do edificio contribuía tamén á eficacia formativa da institución e así, no ano 1880, os fideicomisarios de Fernando Blanco decidiron encargarlle a Federico de Madrazo y Kuntz (Roma 1815 – Madrid 1894) a realización de varios retratos do filántropo e dos seus testamenteiros. A elección do artista foi sen dúbida un acerto dos responsables da Fundación, posto que Madrazo era xa un artista de prestixio excepcional e un pintor de enorme sensibilidade e agudeza. Este pintor, especializado no retrato, contaba xa cunha grande reputación coma primeiro pintor de Cámara da raíña Isabel II, coma director da Academia de San Fernando e coma director do Museo do Prado.
Os oito retratos conservados na Fundación son dunha extraordinaria relevancia. Foron obras realizadas nos últimos anos de actividade do artista, nun momento no que acostumaba a usar con profusión fotografías coma modelos. Foi a fotografía o medio que permitiu, a execución dos retratos póstumos de Fernando Blanco de Lema e dos seus testamenteiros residentes na illa de Cuba.
No 1884, Madrazo entregou os dous retratos do filántropo, ámbolos dous de similar composición. Por estas dúas obras pagáronse, segundo consta nas contas da Fundación, 30.980 reais. Catro anos despóis, o pintor realizaría os seis cadros restantes. Neles retrataría os catro primeiros albaceas de Fernando Blanco e, en dúas ocasións, ó apoderado Vicente Vázquez Queipo. Estes seis retratos están asinados e datados no 1888, e tanto o apoderado coma os albaceas rodéanse dunha orla oval cunha inscripción pintada na base, na que se describen os títulos e méritos de cada un deles. No inventario das súas pinturas, realizado polo propio Federico de Madrazo, o pintor anotou que cobrou por estes seis retratos a cantidade de 29.000 reais.
Pese a estaren lóxicamente escurecidos pola presencia dos óleos dunha figura da importancia de Federico de Madrazo, podemos destacar entre a colecció artística da Fundación, outras pinturas de particular interese. Así póis, destacan as seis obras de temática relixiosa do afamado pintor sevillano Francisco Díaz Carreno, discípulo avantaxado de Federico de Madrazo e merecedor de diversos premios en exposicións nacionais. Dentro da xeral corrección destas obras habería que destacalo cadro “Virxe do Rosario co Neno”, un lenzo de gran calidade polo seu matizado colorido e a sensibilidade e a dozura coas que representa a figura da Virxe co Neno.
Eduardo Urquiola y Aguirre é o autor doutro retrato de importancia conservado na Fundación. Este artista viscaíno, nado no 1865, estudiou na Escola de San Fernando e converteuse tamén nun retratista cotizado e premiado. No ano 1916 pagáronselle 1.500 pesetas pola execución dun retrato de Don Vicente Quiroga Vázquez, quinto fideicomisario de Don Fernando Blanco de Lema entre os anos 1900 e 1913.
Finalmente, o mestre de debuxo do Colexio, Ramón Mosquera Ruí-Vidal, o cal participara en Exposiciós Nacionais de Belas Artes e fora profesor da Escola de Belas Artes e Oficios de Madrid, realizou durante o curso 1895-96, dous cadros cos Sagrados Corazós de Xesús e María. Estes dous cadros estaban destinados á decoracion da capela do centro, e amósannos un pintor, en palabras de Jose Luís Díaz-Castroverde Lodeiro, autor do libro “El Señorío de la Casa de Sonán en su Jurisdicción, Gobierno y Hacienda durante los siglos XVI al XX”, “notable, extraordinario retratista que penetra na personalidade formal e íntima dos seus retratados, sen concesións a actitudes intrascendentes. A súa obra sorpréndenos gratamente pola perfección e exquisito tratamento do debuxo, xunto ó emprego dun cromatismo adecuado ó efecto plástico que o artista pretende para mellor achegarnos ó estudo introspectivo dos personaxes retratados”.

Entre a colección artística da Fundación Fernando Blanco de Lema merece especial mención a Capela do Colexio. O 19 de Agosto do 1887, case un ano despóis da inauguración da actividade docente, abríase ao culto a Capela do Colexio. A educación do alumno, segundo o criterio da relixión católica, estivo presente dende o primeiro momento no réxime de ensino do centro (os propios regulamentos recollían a figura dun director espiritual, que tería a misión de celebrar a misa na Capela e asegurar a correcta formación doutrinal dos nenos e nenas, colaborando no posible co cura párroco da vila de Cee).
O altar, de mármore branco, está presidido por unha figura de Fernando III O Santo, e complétase cun Sagrario e dúas pequenas figuras que portan os nomes de Xesús e María. A imaxe do titular da Capela rodeouse orixinalmente cunha Gloria executada por Luís Muriel y López, pintor madrileño discípulo de Carlos de Haes, e especialista en escenografías teatrais. Lamentablemente, tanto a Gloria coma os frescos da bóveda realizados polo artista compostelán Eugenio Villar, perdéronse. En mármore branco tamén se realizou o mausoleo destinado a albergar os restos de Fernando Blanco de Lema. Merece destacarse asimesmo, entre as pezas destinadas ao ornato da Capela, a completa colección de ourivería relixiosa procedente da fábrica madrileña de Meneses.