COLEXIOS

Os traballos de construcción do Colexio-Instituto comezaron o 2 de agosto do 1880. O 6 de maio de 1884 colocouse a última pedra do torreón central do prominente edificio que dominaba a vila, aínda que diversas obras e reformas interiores retrasaron dous anos máis o comezo das actividades docentes. Foi o 2 de outubro do 1886 cando Don Dionisio Barreda, catedrático da Universidade de Valladolid e primeiro Director do Colexio-Instituto da Fundación, pronunciaba o discurso inaugural. Vicente Vázquez Queipo (apoderado en España dos primeiros albaceas) tivera o bo criterio de supeditar a planificación do edificio (obra do arquitecto madrileño José María Aguilar) ó programa educativo preparado por Acisclo Fernandez-Vallín, Conselleiro de Instrucción Pública e promotor de varias reformas educativas na España do século XIX. Nas obras invertiuse a cantidade de 185.921,77 pesos.
A Escola de Nenas, sede do Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema dende o ano 2001, obra tamén do arquitecto José María Aguilar, edificouse sobre o solar da casa natal de Don Fernando Blanco de Lema. Iniciáronse as obras de construcción da primeira fase da antiga Escola das Nenas o 30 de abril do ano 1882, e rematáronse prácticamente un ano despóis, o 11 de maio do ano 1883, aínda que non se inaugurou ata o ano 1887 debido a unha serie de denuncias relacionadas coa proximidade do antigo cemiterio de Cee. Nela recibían educación os pávulos (nenos/as) ata os sete anos e as nenas ata os catorce. Os nenos, cando cumprían os sete anos, continuaban os seus estudos nunha aula destinada ó efecto no Colexio-Instituto, que recibía o nome de Escola de Nenos.
En Galicia, nas primeiras décadas do século XX, máis da metade da poboación era analfabeta. No mundo rural o ensino elemental cubríase, na súa maior parte, coas chamadas “escolas de ferrado”, en lugares mal acondicionados nos que mestres, pouco ou nada cualificados, impartían saberes moi rudimentarios (ler, escribir, facer contas e algo de relixión). As escolas eran mantidas polos pais, e a falta de asistencia dos nenos a clase era a norma ante a indiferenza das autoridades. Estas carencias educativas, foron sempre sinaladas polos nosos intelectuais como un dos maiores obstáculos para o desenvolvemento social e cultural de Galicia.
O proxecto de Fernando Blanco de Lema non foi unha experiencia aillada. Entre os anos de 1904 e 1936 constituíronse en América unhas catrocentas Sociedades Galegas de Instrucción, a maioría delas en Cuba e Arxentina, que abriron e financiaron apróximadamente uns 225 colexios en toda Galicia.
Pódese dicir que, en materia infraestructural, as asociacións de emigrantes dotaron ó país da primeira rede de edificios escolares expresamente construídos para acoller con dignidade a tarefa docente, equipándoos ademáis, polo regular, cun mobiliario e material didáctico abondante e moderno, que resultaba pouco común nas escolas rurais daquel tempo.