GABINETES CIENTÍFICOS

Durante o século XIX algunhas pequenas vilas da provincia da Coruña contaron con colexios privados incorporados ao Instituto de Santiago e tutelados pola Universidade compostelana. O que fai de Cee e do seu colexio unha realidade educativa absolutamente diferenciada é o feito de que nél se imparta o segundo ciclo de ensinanza secundaria, o que conleva a existencia das cátedras científicas (Física, Química e Historia Natural) e a necesidade dun material didáctico específico, custoso e que require locais adecuados.
O Regulamento de Segunda Ensinanza de maio de 1859 xa establecía no seu artigo 118 que, entre outras cousas, os institutos debían de contar con “un gabinete de física y un laboratorio químico con los aparatos e instrumentos indispensables para dar con fruto esta enseñanza”. No curso 1890-91, só uns poucos anos despóis da súa creación, o Colexio de Cee xa estaba en condicións de cumprir estes requisitos. Durante o devandito curso, con 40 alumnos matriculados na segunda ensinanza, impártese por primeira vez o quinto curso, e nel a materia de Física e Química da man de D. Enrique Ortíz de Lanzagorta.
Esta ollada nostálxica ao pasado permítenos valorar, máis e mellor, o que hoxe se conserva no Museo da Fundación Fernando Blanco de Cee. As coleccións de instrumental de física e química teñen unha importancia de primeira orde dentro do patrimonio histórico e ciéntifico de Galicia,

O Gabinete de Física constaba inicialmente de 277 aparatos, algúns deles moi novedosos na época, agrupados en 10 seccións: -Instrumentos de Medida; -Mecánica de Sólidos (Mecánica); Mecánica de Líquidos (Hidráulica); Mecánica de Gases (Pneumática); Fonoloxía (Acústica); Termoloxía (Calor); Fotometría (Óptica); Magnetoloxía; Electricidade (estática e dinámica); Metereoloxía.
A selección das máquinas poido moi ben deberse o gran químico compostelán José Casares Gil, que logo sería Catedrático de Técnica Física e Análise Química na Universidade de Barcelona e, sen dúbida ningunha, a máxima autoridade en España no que a técnicas instrumentais se refire. O daquela xove José Casares impartiu clase no Colexio-Instituto da Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee durante algo máis de tres meses, a finais do ano 1888, xusto antes da merca dos gabinetes. Hoxe en día consérvanse case 200 aparatos en moi bo estado, configurando así esta colección unha das máis valiosas xoias do patrimonio histórico-científico de Galicia.

O Laboratorio de Química constaba inicialmente de: 25 instrumentos de cristal e vidro graduados; 200 instrumentos de vidro soprado; máis de 270 instrumentos de vidro común; 50 instrumentos de gres refractario; 50 instrumentos de porcelana; unha boa colección de montaxes completas para a práctica experimental.
A estes importantes medios materiais hai que engadir os máis de 400 productos orgánicos e inorgánicos para as prácticas básicas que se desenvolvían no Laboratorio.
Por desgraza, o material de vidro é de difícil conservación, e hoxe só podemos disfrutar dunha pequena mostra daquela riqueza. Sen embargo, aínda se conservan, entre outras cousas, unha impresionante colección de frascos en azul e branco, con etiquetas vitrificadas ou rotuladas, algúns deles pertencentes ao botiquín do Colexio, que contaba tamén cos instrumentos máis necesarios para as operacións cirúrxicas máis sinxelas.

A concepción das ciencias naturais daquela, non era, por suposto, a mesma que temos hoxe en día. Tratábase básicamente dunha ciencia descritiva, preocupada por unha correcta clasificación dos exemplares dos tres reinos nos que daquela dividían a natureza (vexetal, animal e mineral). Ligados a este estudio descriptivo, os gabinetes de Historia Natural dos centros de ensino cobraron unha trascendental relevancia e importancia.
O Gabinete de Historia Natural da Fundación Fernando Blanco de Lema foi instalado no curso 1890-91, aínda que a compra de material comeza con anterioridade. Nun primeiro momento constaba de preto de 400 exemplares de animais, entre os que se incluían esqueletos dos grupos máis representativos, máis de 2000 cunchas de moluscos, uns 500 minerais, outros tantos fósiles, e case 1000 especies vexetais ordenadas en 9 herbarios. A pesares de que en Galicia outras coleccións reflicten o interese por recolectar materiais autóctonos, na de Cee, se exceptuamos os insectos, os aportes locais son mínimos e esporádicos.
A primitiva colección de animais estaba formada basicamente por exemplares europeos, na súa maioría franceses, e unha alta porcentaxe de especies exóticas. Desgraciadamente ata os nosos días só chegaron en torno a un centenar de mostras, entre as que destaca a gran proporción de esqueletos.
É especialmente lamentable a perda da colección de insectos, que abranguía máis de 2000 exemplares, case a metade dos cales eran galegos, recollidos e preparados polo eminente catedrático D. Jerónimo Macho Velado. As mostras conservadas en alcohol (arácnidos, anélidos, etc) tampouco chegaron ata os nosos días.
Hoxe en día, a pesares de estar reducida á metade, aínda chama poderosamente a atención a amplísima colección de cunchas de moluscos, non só pola cantidade de exemplares que a forman, algún deles de gran interese, senón tamén polo seu magnífico estado de conservación.
Da colección inicial de minerais e rochas quedan uns 380 exemplares, non destacando éstes especialmente pola súa calidade, o que nos fai supoñer, vendo a categoría das outras coleccións, que se perderon as mostras máis significativas.
A colección de fósiles mantense prácticamente íntegra, e das 1000 especies vexetais, que conformaban os herbarios, só se perderon 107, é decir, consérvase un 90%.
Toda esta colección completouse cun esqueleto humano e un home clástico, adquiridos, como a maioría das pezas, en París, e que se conservan perfectamente. Existían tamén modelos anatómicos, frecuentes nos gabinetes da época, así como láminas para apoiar a explicación da asignatura.