Tralas obras de mantemento e conservación do Museo Fernando Blanco que foron financiadas grazas ao convenio asinado no mes de febreiro entre a Consellería de Cultura e a Fundación ceense, e que consistiron no arranxo dos problemas de filtración da cuberta, vernizado exterior das carpinterías de madeira e pintado exterior e interior do inmoble, ven a entidade da vila da Xunqueira de acometer unha serie de melloras desta volta tamén coa colaboración da Consellería de Cultura e enmarcadas dentro das axudas destinadas a centros museísticos da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento CT110C).
A Fundación Fernando Blanco de Lema solicitou dita axuda para o epígrafe de “equipamento para a conservación preventiva dos fondos museográficos e documentais do centro na exposición permanente ou nas áreas de reserva”.
Unha vez comunicada a concesión da subvención, adquiríronse tres deshumidificadores, necesarios para controlar a humidade relativa independentemente das condicións climáticas exteriores, que extraen do aire ambiental ata 50 litros de humidade por día, sendo apropiados para estancias de ata 150 metros cadrados. Contan cun sistema automático de deshumificación controlada por higrostato.
Colocáronse ademais 28 estores novos en cada un dos ventanais para regular a luz natural e o exceso de calor, substituíndo aos que se instalaron cando se abriu o Museo ao público e que estaban en malas condicións de conservación, non funcionando moitos deles. Trátanse de estores de cor branca, con mecanismo de accionamento con cadea, grao de apertura do 1 % e tecido “polyscreen”.
O custe total do equipamento ascendeu a 6.516,38 €, dos que a Consellería de Cultura aporta a través deste programa de axudas un total de 3.576,37 € (54,88 %).
Podes consultar a listaxe definitiva das axudas concedidas a centros museísticos da Comunidade Autónoma de Galicia 2024 (Procedemento CT110C) (Orde do 5 de xaneiro de 2024, DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2024), no seguinte enlace: