MONUMENTO

O 13 de outubro de 1973 inaugurouse, na entrada principal do IES Fernando Blanco, o monumento adicado a lembrala figura do filántropo ceense.
A iniciativa correu a cargo da Comisión Xestora Pro-Monumento a D. Fernando Blanco de Lema, presidida por D. Juan Sánchez García, e na cal participaron persoas dos distintos estamentos sociais e culturais de Cee e bisbarra.
Esta Comisión Xestora fixo chegar ao Padroado da Fundación, nese momento formado por D. José Sánchez García, D. Antonino Castro García e D. José Luís Fernández Mosquera, a súa idea, a cal recibiu o visto bo por parte do citado padroado.
Citando textualmente as palabras de D. Juan Sánchez García, o motivo que os impulsou a levar adiante esta proposta foi “erigir a D. Fernando Blanco de Lema un monumento que, a tenor de su obra trascendente, sea el exponente visible del agradecimiento, cariño y respeto por un hombre que, elevándose de la nada con tesón, supo en su momento álgido, ofrecer generosamente a su pueblo el cuantioso fruto de su trabajo, haciendo a esta villa depositaria y dueña de un legado material y cultural que la honra y valora, no sólo a nivel comarcal, sinó en todo el ámbito regional”.
Despóis dunha ardua selección de proxectos, con unánime coincidencia de criterios, resultou elixida a proposta do afamado escultor nicrariense, Andrés Barbazán Ferreira.
O conxunto monumental está constituído por un esbelto pedestal en forma de prisma cuadrangular engarzado a un tronco de cono invertido, con amplo basamento, sobre o que van colocadas dúas parellas de figuras alegóricas, esculpidas en granito gris. Sobre o pedestal, de corpo enteiro, a prócer figura de D. Fernando Blanco, en fundición de bronce, reproducción fiel do famoso cadro de Federico de Madrazo que se atopa exposto no Museo. Na parte inferior do monumento pode lerse unha placa coa inscrición: “A Don Fernando. Promotor de la enseñanza. Eterna gratitud. Octubre 1973”.
Para levar adiante esta iniciativa e as obras de acondicionamento e reestructuración da antiga entrada do Instituto, contouse con fondos logrados por pública suscrición e, coa axuda incondicional dos organismos afectos: Concello, Obras Públicas e Ministerio de Educación e Ciencia.