BIOGRAFÍA

Fernando Blanco de Lema naceu en Cee o 18 de outubro de 1796. Cando contaba con menos dun ano de idade morreu o seu pai, polo que a súa educación correu a cargo do seu curmán e padriño Fernando Blanco Giance, cura de San Xoán de Mazaricos, ó que debeu as súas sólidas crenzas relixiosas.
No 1809 as tropas francesas (Guerra da Independencia) matan ó seu padriño e arrasan a vila de Cee. A súa nai, viúva e con cinco fillos, decide enviar ós tres varóns a Ferrol, e, dende alí, con só trece anos, Fernando Blanco de Lema emprende viaxe para Cuba.
O seu primeiro traballo na illa caribeña foi de dependente nun ultramariños. Pasados uns anos decide dedicarse ó negocio da ferraxeria, creando varias tendas na illa, e sendo este negocio a base da súa fortuna. Ademáis de ser posuidor de intereses e accións en bancos e en compañías de ferro, estableceu estreitas relacións comerciais cun curmán emigrado a Nova Iorque, o rico empresario Bartolomé Blanco. En varias cartas dirixidas ó seu curmán podemos descubrir un perfil humano que nos avanza o filántropo que máis tarde se revelaría: home afectuoso, preocupado polos seus parentes máis desfavorecidos, confirmándonos a fortaleza dos lazos que sempre mantivo coa súa localidade natal.
Pouco antes de morrer, o 2 de Abril de 1875, redactou o testamento. Nél declara estar solteiro e sen fillos, decidindo empregar o groso da súa fortuna, valorada en 750.000 pesos de ouro, na construcción e mantemento dun Colexio de Primeira e Segunda Ensinanza na súa vila natal (Cee). Para levar a cabo esta misión nomea coma testamenteiros a Juan Álvarez Baldonedo e a Brígido Zavala, e como apoderado en España é nomeado Vicente Vázquez Queipo, insigne científico lugués. Todos eles levaron a cabo, no medio dunha agre disputa xornalística e legal, o magno proxecto que determinaría o nacemento da Fundación.
Fernando Blanco morreu en Cuba pouco despóis de asinar este documento (5 de Abril de 1875), repousando as súas cinzas na capela do Colexio que mandara fundar.