O MUSEO COMO ACTIVIDADE

Por definición un Museo é unha entidade que protexe, custodia, adquire, estuda, publica, difunde, conserva e investiga o patrimonio cultural, material ou inmaterial, das sociedades das que forma parte.
Todo isto lévase a cabo a través dunha serie de actuacións que a continuación indicamos e que son desenvolvidas polo técnico contratado dende a apertura do Museo no 2001 (licenciado en Xeografía e Historia, coas especialidades de Museoloxía e Historia da Arte Antiga e Medieval), tanto durante o período de apertura do Museo (25 horas semanais) como durante outras 15 horas semanais a maiores, onde desenvolve o seu traballo a “porta pechada”:       

  • Atención aos visitantes durante o horario de apertura do Museo.
  • Visitas guiadas para colexios, asociacións, colectivos ou entidades, tanto no propio Museo como no IES Fernando Blanco (xardíns e capela).
  • Traballo de investigación.
  • Inventario e catalogación de fondos.
  • Traballos básicos de conservación do patrimonio da entidade.
  • Colaboración con outras institucións, museísticas ou culturais, e tamén con particulares, facilitándolles información, ou mesmo solicitándolla.
  • Cesión de fondos para exposicións.
  • Elaboración de folletos informativos.
  • Busca de patrocinios para actividades.
  • Traballos de mantemento e limpeza do Museo-Colección.
  • Páxina web (www.museofernandoblanco.org).
  • Difusión en redes sociais.
  • Outras

Toda esta dinámica que o noso Museo ten que desenvolver a diario é o que o diferencia doutro tipo de centros expositivos, que aínda que poden mostrar coleccións de diversa temática, no se ven na obriga de ter que realizar tanta actividade de gabinete. Por iso insistimos no dato de que o noso Museo, independentemente da súa temática, caracterízase pola súa dobre vertente de traballo pouco visible polo público, en correlación coa finalidade de ser lugar de apertura á sociedade como punto de coñecemento e saber.