37095857_1804359556290006_5372549787130265600_n

PREMIOS ACADÉMICOS 2017-2018

Xa se coñecen os/as agraciados/as nos VII Premios Académicos “Fernando Blanco” correspondentes ao curso 2017-2018, os cales están organizados conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema (patrocinada por FerroGlobe Grupo FerroAtlántica e polo Concello de Cee) e o IES Fernando Blanco de Cee, e que contan coa colaboración de varias firmas comerciais (Estación de Servizo Bazarra, Abanca, Grupo Santitel, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L., Compucee, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport, Cabo Sport, Seguros Costa da Morte, Parques e Xardíns Manuel García e Limbo Ropería).

Con estes Premios Académicos, tanto a Fundación como o Instituto ceense, tratan, por un lado de recoñecer o esforzo, traballo, adicación e aptitudes dos/as alumnos/as, así como, ao mesmo tempo, recuperar unha tradición histórica da Fundación Fernando Blanco, posto que no Capítulo XV do Regulamento do Colexio-Instituto, publicado en 1886, establecíase que en cada materia impartida no centro, outorgaríase un premio extraordinario, un premio ordinario e unha mención honorífica por cada 20 alumnos/as. Ademais, sinalábase nese mesmo Capítulo, que para poder optar a eles, era condición indispensable que os/as alumnos/as que o solicitasen obtiveran a cualificación de sobresaínte nos exames ordinarios. Para elo, constituíase un tribunal composto de tres profesores que eran os encargados de decidir que alumnos/as eran merecedores das recompensas académicas.

Os Premios “Fernando Blanco” están destinados a agasallar aos mellores expedientes académicos de distintos cursos impartidos no centenario instituto ceense.

As notas dos/as premiados/as desta edición oscilaron entre o 8,75 e o 9,81. De feito, era requisito imprescindible para optar a ditos Premios, ter tódalas materias aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5, así como matricularse no curso seguinte no IES Fernando Blanco de Cee.

As bases establecen que se entregarán 5 premios (1º F.P. Básica, 3º ESO, 1º Bacharelato, 1º Ciclo Medio e 1º Ciclo Superior). Dado que tanto en 1º de F.P. Básica como en 1º de Ciclo Medio ningún alumno/a acadou o 8,5 esixido, e de acordo coas bases reguladoras, nesta edición os 5 premios académicos “Fernando Blanco” repartíronse entre 3º da ESO (1 premio), 1º de Bacharelato (2 premios) e 1º de Ciclo Superior (2 premios).

Cada un dos Premios está valorado en 500 € (220 € en metálico e 280 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores).

A cerimonia de entrega dos Premios celebrarase o venres 19 de outubro, ás 12 horas, no salón de actos do IES Fernando Blanco.

Os/As premiados/as nesta sétima edición dos Premios Académicos “Fernando Blanco” foron:

  • PAULA PÉREZ TRILLO (3º ESO)
  • PAULA FANDIÑO TRILLO (1º BACHARELATO)
  • DARÍO LAGO BEIRO (1º BACHARELATO)
  • DANIEL COSTA ESPASANDÍN (1º CICLO SUPERIOR – ADMINISTRACIÓN E FINANZAS)
  • ANDREA DOMÍNGUEZ CARAMÉS (1º CICLO SUPERIOR – ADMINISTRACIÓN E FINANZAS)

PARABÉNS !!!

BASES PREMIOS ACADÉMICOS FERNANDO BLANCO CURSO 2017-18