38sepia - copia

OS GABINETES

Durante o século XIX algunhas pequenas vilas da provincia da Coruña contaron con colexios privados incorporados ao Instituto de Santiago e tutelados pola Universidade compostelana. O que fai de Cee e do seu colexio unha realidade educativa absolutamente diferenciada é o feito de que nél se imparta o segundo ciclo de ensinanza secundaria, o que conleva a existencia das cátedras científicas (Física, Química e Historia Natural) e a necesidade dun material didáctico específico, custoso e que require locais adecuados.
O Regulamento de Segunda Ensinanza de maio de 1859 xa establecía no seu artigo 118 que, entre outras cousas, os institutos debían de contar con “un gabinete de física y un laboratorio químico con los aparatos e instrumentos indispensables para dar con fruto esta enseñanza”. No curso 1890-91, só uns poucos anos despóis da súa creación, o Colexio de Cee xa estaba en condicións de cumprir estes requisitos. Durante o devandito curso, con 40 alumnos matriculados na segunda ensinanza, impártese por primeira vez o quinto curso, e nel a materia de Física e Química da man de D. Enrique Ortíz de Lanzagorta.
Esta ollada nostálxica ao pasado permítenos valorar, máis e mellor, o que hoxe se conserva no Museo da Fundación Fernando Blanco de Cee. As coleccións de instrumental de física e química teñen unha importancia de primeira orde dentro do patrimonio histórico e ciéntifico de Galicia, salientando os seguintes aspectos:
-o magnífico estado de conservación;
-o grande número de pezas e a diversidade da colección, mercada case na súa totalidade fora de España;
-o feito de proceder case totalmente dunha única compra (curso 1890-91);
-a singularidade de que unha colección destas características se atope nun colexio dunha pequena vila coma Cee, só explicable dentro do magno proxecto que supuxo a Fundación Fernando Blanco de Lema.