Escola das Nenas da Fundación Fernando Blanco de Cee

OBXECTIVOS

O 11 de agosto do ano 2001 abriu as súas portas por primeira vez ao público, o Museo-Colección da Fundación Fernando Blanco de Lema, situado no número 25 da Praza da Constitución da vila de Cee.
Como sede do Museo elixiuse o edificio da antiga Escola de Nenas, levantado pola Fundación Fernando Blanco de Lema sobre o solar da vella casa do mecenas. Disponse así dunha sede amplamente ligada á Fundación, nun edificio histórico, de arquitectura noble e singular, rehabilitado específicamente para sede do Museo, e localizado no centro da vila, con gran accesibilidade.
Dende un primeiro momento plantexouse a creación dun Museo que permita dar a coñecer e utilizar didácticamente o patrimonio histórico-científico formado polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee, creado pola Fundación Fernando Blanco de Lema a finais do século XIX.
Xunto a este material, o máis numeroso e que conforma unha unidade diferenciada, o Museo complétase co material didáctico doutras materias incorporadas ao currículo do centro ó longo da súa historia, coa documentación histórico-educativa do Colexio, e cos fondos pictórico e artísticos da Fundación.
Os obxectivos fundamentais que se buscan son: a conservación do patrimonio histórico da Fundación; a súa difusión e coñecemento, fundamentalmente no ámbito escolar; a utilización didáctica dos seus fondos, priorizando sempre a integridade dos seus materiais; a proxección da vila de Cee como herdeira dn pasado educativo único en Galicia, como pioneira na labor de aproveitamento integral do seu patrimonio histórico e, consecuentemente, como centro de dinamización cultural da comarca.
O Museo conta con dúas plantas adicadas, case por enteiro, á exposición de fondos.
A planta baixa conta cunha sala de exposicións de 142,30 metros cadrados, coa que se pretende achegar ós visitantes unha visión histórica da Fundación, do labor desenvolvido e do carácter interdisciplinar e innovador das súas actividades educativas.
Nesta sala sitúanse os fondos artísticos que requiren especiais condicións de conservación e mantemento (cadros), xunto cos contidos educativos de maior incidencia social na vila, coma a música, o debuxo ou os coñecementos relacionados coa agricultura.
O primeiro andar, formado por unha única sala expositiva de 200,20 metros cadrados, resérvase para a realización de exposicións temporais. Cando non está programada ningunha exposición temporal, o espazo resérvase para o que, con diferenza, constitúe o máis armónico e numeroso fondo patrimonial: a colección de instrumental científico e material didáctico das catedras de física, química e historia natural.
Polo acordo do Consello da Xunta do 9 de xuño de 2005, o Museo foi recoñecido coma Colección Visitable de caracter científico-técnico e artístico.