81sepia

LABOR SOCIAL

En pouco tempo, a poboación afíxose a ver no Colexio algo cercano e familiar, algo propio, e o edificio, coa súa magnificencia e os seus exóticos xardíns, converteuse nun punto de referencia obrigado para calquera actividade social que se desenvolvese na localidade. Sen dúbida, éste fora o obxectivo último de Don Fernando Blanco: suministrar á vila que o veu nacer dun eficaz instrumento de prosperidade social e esparcimento.
O esforzo educativo da Fundación non só chegou ós nenos e nenas en idade escolar. Moi cedo instaláronse, fora do horario lectivo, clases para traballadores e adultos que se centraron na alfabetización e nas ensinanzas do debuxo e da música. Pouco despóis suprimiríanse, por innecesarias, estas clases de adultos e obreiros, tras reducir o analfabetismo ata límites difícilmente imaxinables unhas décadas antes en Galicia.
A erradicación de hábitos perniciosos, que se foron correxindo co labor educativo emprendido dende o Colexio, foi un dos principais obxectivos sanitarios da Fundación, pero non o único. No 1887 instalábase no Colexio un botiquín dirixido por un farmacéutico, ó que tiveron acceso, de xeito totalmente gratuito, non só os empregados da Fundación, senón tódolos pobres da parroquia.
A preocupación sanitaria da Fundación tivo especial relevancia na pidemia de variola do ano 1888, causante de 53 mortes, e nas febres tifoideas que anos despóis asolaron a poboación. A Fundación puxo a disposición dos médicos municipais os medios necesarios para sofocala epidemia, mentras que varios mestres do Colexio percorrían as rúas buscando, aillando e eliminando focos de infección. Grazas ás posteriores campañas de vacinación promovidas pola Fundación e a educación hixiénica impartida nos centros, estas epidemias case endémicas foron erradicadas a principios do século XX.
Foron múltiples e constantes as iniciativas benéficas e caritativas que partiron da Fundación. Sería excesivamente prolixo enumerar os donativos a pobres, as anuais contribucións ás festas patronais, as axudas económicas para reparacións e ampliacións na igrexa parroquial ou tantas outras resolucións que sempre buscaron a repercusión inmediata en beneficio da vila. Pese a todo, algunhas das suas maiores contribucións ó progreso de Cee si merecen ser comentadas.
Así, no ano 1887, previa autorización da Dirección Xeral de Correos e Telégrafos, instalábase no Colexio a primeira estación telefónica interurbana da vila. A localidade comunicábase así coa estación telegráfica de Corcubión e, a través désta, con toda España. O seu sostemento corría a cargo da Fundación que, agás as taxas cobradas para Facenda, invertiu o resto das recadacións en diversas obras públicas do pobo. O propio Concello de Cee chegou a pedir ós habitantes, nun bando público, que enviaran os seus despachos dende o Colexio e non dende Corcubión, para aumentar así os ingresos telefónicos.
Este espíritu que procuraba aunar o uso dos últimos adiantos do progreso coa contribución ó desenvolvemento inmediato da vila foi unha constante no quefacer cotiá da institución.
Especial mención merece tamén a chegada, o 1 de abril de 1906, da luz electrica á vila de Cee. Poucos días antes os xestores da Fundación pensaran no acetileno para sustituír á anticuada iluminación de petróleo empregada no Colexio, pero o saber que unha empresa local podería fornecer en breve enerxía eléctrica, mudaron de idea. O 20 de marzo dese mesmo ano asinábase o contrato entre o Colexio e Electro Cereijo, e pouco despóis esta empresa de Cee instalaba a necesaria rede de iluminación, comprometéndose a proporcionar o fluído eléctrico necesario.
Vemos así, que nas primeiras décadas de existencia da Fundación, tódalas iniciativas que xurdían perseguían o firme propósito de contribuir ó progreso económico, social e cultural da vila. Mentres durou o alento filantrópico que impulsara o nacemento da Fundación, o ideal benefactor e xeneroso de Don Fernando Blanco de Lema continuou desenvolvéndose coas actividades da institución; pero o paso dos anos traería posteriormente a lenta e irremediable decadencia dun proxecto social e educativo que cambiara por completo as condicións de vida da comarca.