madrazo - copia - copia

FEDERICO DE MADRAZO

Federico de Madrazo foi discípulo do seu pai, o pintor José Madrazo y Agudo e doutros renomeados artistas, empezando a pintar co gusto da escola neoclásica, pero as constantes viaxes a París e Roma fixéronlle sentila influencia do romanticismo alemán e francés. Amigo de Ingres, traballou no seu taller durante a súa estancia en París. En Roma estivo en contacto con Overbeck e o grupo dos nazarenos, quenes reforzaron a súa destreza innata para o debuxo. Nunha época que valoraba fundamentalmente os cadros de historia ou a pintura relixiosa, Madrazo decidiu especializarse no retrato, revolucionando coas súas dotes un xénero daquela considerado menor e inevitable para os artistas que non tiveran outra forma de asegurar os recursos económicos imprescindibles. Ao principio da súa carreira cultivou o cadro de historia (Aquiles en su tienda; Presentación del cadáver del duque de Nemours al Gran Capitán…), algúns de asunto relixioso (Las tres Marías…), e máis de 600 retratos, especialidade á que se adicou case exclusivamente a partires de 1842. A súa pintura está definida por medio dunha pincelada preta e moi brilante. Os retratos de Federico de Madrazo distínguense pola corrección e a elegancia do debuxo e pola distinción do colorido e, ademáis dos méritos que encerran, son reflexo fiel de toda a xeración contemporánea do artista. Federico de Madrazo pinta retratos para a aristocracia, gozando por elo dunha situación social elevada, o que o introduce en ambentes privilexiados.
Federico de Madrazo gozaba dun prestixio excepcional, posto que foi primeiro pintor de Cámara da raíña Isabel II, director da Academia de San Fernando e director do Museo do Prado.